Friday 03 de May de 2024

Máis de mil nenos de primaria asistirán no Auditorio de Riveira a catro concertos didácticos sobre instrumentos musicais


O Concello de Riveira promove a través da Concellería de Educación, que dirixe Herminia Pouso, un total de catro concertos didácticos os días 15 e 16 de marzo nos que alumnos de primaria dos distintos centros educativos terán a oportunidade de coñecer os distintos instrumentos e as súas familias (vento, corda, percusión) por medio de melodías recoñecibles.

Estes recitais serán ofrecidos no Auditorio pola compañía Musieventos e terán lugar cada un dos días citados en dúas quendas, ás 10.30 e ás 12 horas.

Este percorrido pola historia da música levará ao público ao pasado para escoitaren as obras dos compositores clásicos máis recoñecibles como Bach, Mozart ou Beethoven ata chegar ao jazz e á música tradicional galega.

Ao longo do espectáculo manterase unha constante interacción co público captando así a súa atención para que lles resulte o máis ameno posible e que deste xeito sintan interese pola cultura e os estudos artísticos coma os que se poden cursar na Escola Municipal de Música e no Conservatorio Municipal.

En total, asistirán máis de 1.000 nenos e nenas dos centros de ensino do noso concello.

Martes, día 15 de marzo
Nenos e nenas de 1º a 3º de primaria:
1º.- Hora: 10.30 h (1 hora de duración)
2º.- Hora: 12.00 h (1 hora de duración)

Mércores, día 16 de marzo
Nenos e nenas de 4º a 6º de primaria:
1º.- Hora: 10.30 h (1 hora de duración)
2º.- Hora: 12.00 h (1 hora de duración)